domingo, 24 de noviembre de 2013

Algúns conceptos clave da filosofia da ciencia


LEI CIENTÍFICA: Enunciado de forma universal que expresa relacións constantes entre fenómenos naturais, ou feitos, ou propiedades de cousas, e cuxa verdade foi suficientemente contrastada pola experiencia e a observación. En filosofía da ciencia discútese amplamente sobre formulacións rigorosas do concepto de lei científica. Normalmente relaciónalla co concepto de explicación científica, que se considera obxectivo fundamental de toda ciencia.
TEORÍA CIENTÍFICA: Conxunto de enunciados ordenados sistematicamente, (xeralmente leis científicas), que poden someterse a contrastación e por cuxo medio é posible a explicación e a predicción dos fenómenos da natureza. As teorías xorden da necesidade que ten o coñecemento humano de ir máis aló dos simples datos, ou feitos, inmediatos da experiencia e das meras xeralizacións empíricas para poder comprendelos e interpretalos.
HIPÓTESE: (do grego hypóthesis, do verbo hypotíthemi, pór debaixo: proposta, suposición) É unha suposición, ou un suposto, con miras a explicar algo. Referida á ciencia, é unha xeralización ou enunciado xeral que, en principio, supón unha interpretación de determinados feitos, e que adoptamos transitoriamente como verdadeira mentres a sometemos a confirmación ou refutación.
PARADIGMA: (do grego parádeigma, exemplar, modelo, exemplo). É a noción central da filosofía da ciencia de Th. Kuhn. A ciencia non é meramente un sistema teórico de enunciados que se desenvolven na mente dos individuos que se dedican a ela, senón que é unha actividade que leva a cabo unha comunidade de científicos, nunha época determinada da historia e en condicións sociais concretas. O desenvolvemento histórico da ciencia supón a existencia dun «paradigma», que Kuhn define como un conxunto de crenzas, valores e técnicas compartidos por unha comunidade científica.
CONTRASTACIÓN: (en inglés, testing) Conxunto de operacións, teóricas e experimentais, por medio das cales ponse a proba unha hipótese científica ou dunha teoría. Obedece á idea de que só a concordancia cos feitos xustifica unha hipótese ou unha teoría. Os seus posibles resultados son a confirmación ou a refutación.
FALSACIÓN: Procedemento metodolóxico para determinar se unha teoría, unha hipótese ou un enunciado son falsos. Unha teoría ou unha hipótese considérase falsada se resulta falsa unha das súas consecuencias.
VERIFICACIÓN: (do latín verificare, presentar como verdadeiro) É a comprobación da verdade dunha hipótese científica empírica. Nun sentido amplo, consiste no proceso de buscar probas en que apoiar a verdade dunha hipótese. No método hipotético-deductivo, e en sentido máis restrinxido, é o proceso de confirmación dunha hipótese ou dunha consecuencia lóxica deducida dela, coa intención de determinar a verdade da mesma.
REFUTACIÓN: Un dos dous posibles resultados, xunto coa verificación ou confirmación, na contrastación de hipótese. Unha hipótese é refutada ou negada cando é incompatible ou contraditoria cos feitos. É o contrario de verificación.
AXIOMA: (do grego axíoma, estimación, de axios, digno) ou POSTULADO. Enunciado ou proposición inicial dun sistema deductivo, non demostrada dentro do mesmo sistema, que se toma como punto de partida da demostración de calquera teorema do sistema.
TEOREMA: (do grego, theórema, o que se pode contemplar cos ollos ou co entendemento) Termo propio das ciencias matemáticas, que designa unha conclusión demostrada a partir de axiomas, ou postulados, e definicións. En lóxica, o enunciado que a modo de conclusión demóstrase por deducción a partir dun conxunto baleiro de premisas. É, xa que logo, unha verdade lóxica, unha verdade necesaria.
MÉTODO: (do grego méthodos, procura, investigación, de metá, cara a, e odós, vía, camiño) Segundo a etimoloxía, camiño que debe ser percorrido para chegar a un punto ou resultado, ou modo de facer unha cousa. En xeral, é o xeito de proceder racional para lograr un fin determinado, non só escollendo os medios convenientes, senón tamén póndoos en práctica segundo unha orde razoada, adecuado e consecuente, que se expresa mediante regras ou normas. O fin ou obxectivo que se quere obter, mediante un método, non ha de ser necesariamente científico, pero unha das características fundamentais do coñecemento científico é que se trata dun coñecemento metodolóxico.
MÉTODO HIPOTÉTICO-DEDUCTIVO: Método científico, propio das ciencias fácticas e oposto ao inductivismo, que sostén que as hipóteses científicas non se derivan da observación, senón que son producto da creatividade humana, que mediante elas intenta achar a solución a un problema. O recurso á experiencia só é necesario para a contrastación da hipótese, deducindo dela unha conclusión en forma de enunciado observacional, que se compara cos feitos. Os defensores deste método sosteñen que representa, tamén na ciencia, o modo común de razoar. Os seus pasos característicos son: formulación dunha hipótese, deducción dun enunciado observacional, contrastación do enunciado para determinar se se produce unha confirmación ou unha refutación da hipótese.
DEDUCCIÓN: (do latín deductio, acción de derivar ou facer descender, conducción; corresponde aos aristotélicos, apagogé, e apódeixis) Operación mental, chamada inferencia, pola que afirmamos a verdade dun enunciado partindo da verdade de enunciados coñecidos. Unha deducción toma a forma expresa dun razoamento, ou secuencia de fórmulas que ou son axiomas, ou teoremas, ou premisas ou fórmulas derivadas doutras mediante regras de inferencia.
INDUCCIÓN: (do latín inductio, acción de conducir, introducir, que traduce o grego epagogé, derivado de epagein, conducir, levar) Nun sentido xeral, xa desde a antigüidade clásica, encerra a idea de dirixirse un mesmo ou dirixir aos outros cara a un concepto xeral ou cara a unha verdade universal, a partir de casos menos xerais ou universais. Na práctica supón crer que do coñecemento dos feitos, directamente coñecidos que cumpren unha mesma propiedade, podemos pasar ao coñecemento de hipótese, leis ou teorías xerais. A inducción pode ser completa e incompleta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario